Imaxino a avoa pola tarde paseando os seus netos, un na silla de paseo, outro no patín que se engancha na primeira e un terceiro da man.
Imaxino o pai e a nai dos nenos traballando a reo da mañá á noite para poder afrontar os gastos da familia mes a mes.
Imaxino os gastos de tres nenos de entre 0 e 5 anos: cueiros, roupa, comida e... todo o traballo impagable da súa avoa que os coida todos os días.
Imaxino ademais os gastos da casa, a luz, a auga, o gas, o teléfono...
Imaxino que están pagando a letra do coche, ou de dous coches.
Imaxino que están pagando o piso que tanta ilusión lle fixo dende sempre.
Imaxino que co paso do tempo non se converta nun pesadelo pagar o piso mes a mes.
Ogallá que non se converta nun pesadelo!
Imaxino que pensarían moi ben antes de mercalo, e imaxino que pensaron que se non daban ese paso naquel intre, se lle iría escapando a posibilidade porque se estaban pondo polas nubes e, non deixa de ser unha inversión.
Imaxino que naquel intre se daban conta de que en moitos anos terían moitos gastos pero pouco a pouco, como se soe dicir “malo será!”
Imaxino que todo lles irá ben e, coa axuda da avoa, chegarán a rematar de pagar a hipoteca e os seus fillos crecerán sans e sen contratempos.
Imaxino que é moito o prezo que hai que pagar, case toda, senón toda a vida laboral, ou case mellor dúas vidas laborais.
Imaxino que non paga a pena mercar unha vivenda que para cando remates de pagar a hipoteca xa lle fai falta unha reestruturación ou uns arranxos mais ou menos grandes.
Imaxino que sabemos que vivimos e traballamos toda unha vida para mercar unha vivenda.
Imaxino que, seguramente estou equivocado con todas as miñas imaxinacións. Ogallá estea equivocado, imaxinariamente equivocado!!!