5.12.10

Controladores

Estou que alucino cos controladores aéreos.
Resulta que son capaces de parar un país e logo san chorando na televisión porque os obrigan a traballar.
Resulta que traballan cinco semanas en meses de catro, pobriños... pero tamén cobran.
Resulta que se queixan de que non poden ter fins de semanas libres cando coido que son eles mesmos os que queren facer horas extras para seguir cobrando mais...
Primeiro.... Eu cobro mil euretes ao mes....
Segundo.... Eu se non vou traballar vótanme....
Terceiro... Eu non podo facer meses de cinco semanas con horas extras, nin sequera unha hora extra ao mes....
Cuarto... Eu respeto ao resto dos cidadáns deste e doutros países que queren viaxar....
Quinto... Eu non saio chorando na televisión porque me obriguen a traballar...
En fin.. paro de contar que me da alerxia...
So sei que unha folga é unha folga e esto non se lle parece en nada... Esto é, cando menos unha falta de respeto aos teus semellantes.
Por enriba paséanse diante do resto das persoas cunha altanería que case dan coa cabeza nas lámpadas...
Eu non invento nada.... calquera se pode informar... Afortunadamente temos internet e a información é libre... so tes que ler un pouco...
Como decía Castelao.... probiños... so teñen diñeiro.

4.10.10

Primarias

Di hoxe o ABC que o señor Tomás é o primeiro que vence a Zapatero. Coido que perdín algo... eu coidaba que Zapatero non se presentaba á Asemblea madrileña...

É certo que o Presidente do Goberno de España decantouse pola súa ministra de sanidade e candidata á Asemblea madrileña Trinidad Jiménez, que perdeu onte as primarias do Partido Socialista á candidatura da Comunidade de Madrid.

Tomen nota outros partidos ou asociacións e agrupacións para que fagan eleccións tan transparentes coma estas, con luz e taquígrafos coma se sole decir. Que outros propoñen ao Sr. Camps á Generalitat Valenciana.... coa que está caíndo...

Zapatero ha de perder, que non vai durar sempre, nin o Paquiño que se puxo a sí mesmo nos durou sempre, que non hai mal que cen anos dure nin quén os poida aguantar...

Viva o ABC... e as primarias... os que gañan e tamén... os que perden.

5.6.10

Imaxino

Imaxino a avoa pola tarde paseando os seus netos, un na silla de paseo, outro no patín que se engancha na primeira e un terceiro da man.

Imaxino o pai e a nai dos nenos traballando a reo da mañá á noite para poder afrontar os gastos da familia mes a mes.

Imaxino os gastos de tres nenos de entre 0 e 5 anos: cueiros, roupa, comida e... todo o traballo impagable da súa avoa que os coida todos os días.

Imaxino ademais os gastos da casa, a luz, a auga, o gas, o teléfono...

Imaxino que están pagando a letra do coche, ou de dous coches.

Imaxino que están pagando o piso que tanta ilusión lle fixo dende sempre.

Imaxino que co paso do tempo non se converta nun pesadelo pagar o piso mes a mes.

Ogallá que non se converta nun pesadelo!

Imaxino que pensarían moi ben antes de mercalo, e imaxino que pensaron que se non daban ese paso naquel intre, se lle iría escapando a posibilidade porque se estaban pondo polas nubes e, non deixa de ser unha inversión.

Imaxino que naquel intre se daban conta de que en moitos anos terían moitos gastos pero pouco a pouco, como se soe dicir “malo será!”

Imaxino que todo lles irá ben e, coa axuda da avoa, chegarán a rematar de pagar a hipoteca e os seus fillos crecerán sans e sen contratempos.

Imaxino que é moito o prezo que hai que pagar, case toda, senón toda a vida laboral, ou case mellor dúas vidas laborais.

Imaxino que non paga a pena mercar unha vivenda que para cando remates de pagar a hipoteca xa lle fai falta unha reestruturación ou uns arranxos mais ou menos grandes.

Imaxino que sabemos que vivimos e traballamos toda unha vida para mercar unha vivenda.

Imaxino que, seguramente estou equivocado con todas as miñas imaxinacións. Ogallá estea equivocado, imaxinariamente equivocado!!!

3.6.10

Funcionarios en crise

O día 8 de xuño de 2010 os funcionarios van facer folga en Galicia. Teñen razón. Eso de recortarlles un 5 % do seu salario debe sentar mal, cando menos. Pero tamén debe sentar moito peor a aquelas persoas que les recortan o 100 %, aqueles que xa non lles queda nin o subsidio de desemprego.

O sindicalismo neste país parece que vai dando bandazos e só se manifesta contra os que non son de esquerda. E mais adiante teñen pensado convocar unha folga xeral.

A mín deberían respostarme a unha soa cuestión: A dereita non recorta en materia social?

Coido que sí, vaia que si recorta, lembro oito anos de recortes non fai moito, e aquí non foron os sindicatos os que convocaron concentracións, aquí eran os cidadáns.

Vai ser que a dereita non axuda ao empresariado e ao capital... ou si?

Vai ser que os funcionarios non teñen culpa da crise... ou si?

O que queda claro é que os que nos meteron na crise non nos van sacar dela, así que aínda que os funcionarios reduzan o seu soldo un 5 % non lles vai supor moito, só un 5 %. Outros levan anos no paro e sen moitas posibilidades “legais” de traballar polo momento.

Todo pasará e se esquecerá, volverá a dereita ao poder para sacarnos do pozo, ou non, entonces a eles non se lle pedirán nin folgas nin recortes, ou si, pero volverá haber outra crise, ou non, e entón lembraremos o que pasou desta... ou non.

28.5.10

Informática e crise

Resulta curioso encender un ordenador persoal para saber porqué algunhas empresas se fixeron de ouro.

Resulta curioso oir falar a xente que di que ten que mercar un ordenador e que vai pedir unha axuda á Administración, porque a informática e moi cara.

Resulta curioso ver como as distintas administracións se pelexan por dar axudas para que a sociedade española se informatice e se conecte á rede internet.

Aínda así, con axudas ou sen elas a xente merca o ordenador, pero como só non funciona, tamén merca os programas e sistemas operativos, que é coma levar os nenos a un colexio de pago, que se o colexio dos nenos é de pago han ser unhas eminencias o día de mañá, que para eso pagamos, para que sexan eminencias.

Todo é relativo. Hai programas de “software” libre tan bos ou mellores que os que se mercan, e que ademais saennos gratis.

O que pasa e que se algo é de balde parece que non é tan bo coma o que pagamos.

25.2.10

Mascotas?

Un gato, un can, unha tartaruga, un paxariño ou, mesmo, uns peixiños. So son animais.
Un gato, un gato sinte, eu creo que sinte. Se tes un gato pois, bueno, enche todo de pelos pero se o dono está disposto a aguantalos, pois todo perfecto, o de menos e o sentir do gato.
Un can, se temos un can, xa cambia a cousa, amais de pelos pode mordernos o sofá, pero bueno, para metelo nun piso non está ben, pero podería ser, aínda que se ladra pode molestar aos veciños, mais ben molesta, pero bueno... como os cans non sinten... non hai problema.
E se é una tartaruga, metida toda a sua vida nun acuario de medio metro cuadrado... menos mal que as tartarugas non sinten... ademais non molestan aos veciños... unha sorte...
Un paxariño tampouco sinte, vaia que o metemos nunha gaiola e dámoslle todo o que necesita e alí canta... está tan bén, que non se sinte tan ben porque non sinte..., o que decía, está tan ben que se o sacamos da gaiola non sabe vivir e mesmo morrerá de fame porque non sabe buscar a súa comida....
Ou, para rematar, uns peixiños en tres litros de auga... tampouco sinten... non fan ruído, e alegran as visitas... Estes se os soltamos quizais morran comidos por depredadores porque non saberán sequera escapar. Non coñecen a loita pola supervivencia...
Pos si, eu creo que sí que todos eles sinten, os que non sentimos somos os humanos, que como decía o outro... por qué le zurras ao can? Porque é meu e se quero mátoo! Poderosa razón...
Ansias de posesión e de poder, pero pouca sensibilidade, que non somos capaces de entender que cada ser vivo, xa non animal, cada ser vivo, digo, ten que vivir a súa vida, que so ten unha, coma nós, e ten dereito a vivila en liberdade... xa decía no seu día o famoso Che... mais vale morrer de pé que vivir sempre axeonllado.

3.2.10

Equilibrio

Alguén me deu onte a nova. Resulta que en Corea xuntan aos funcionarios separados para ver se se fan parellas para ter fillos.

A natalidade dese país está polo chan, quero decir que non nacen nenos nin de casualidade.

E en todo o mundo, Corea incluída, queremos que a xente teña menos enfermidades, queremos ser mais lonxevos, contaminar menos e divertirnos mais.

A vez somos conscentes de que hai fame no mundo, pero esto non importa, temos que ter mais fillos e os que morran de fame... pobriños, que lle imos facer. Éstes so de vez en cando nos acordamos deles e entón mandámoslles uns cartiños a unha ONG por aquelo da conciencia tranquila e xa está, xa quedamos conformes durante unha boa tempada.

Eu entendo que o que temos que facer e o contrario, temos que manter a poboación mundial nunhas cifras razonables, porque se queremos ter todo é imposible.

O planeta ten un límite para todo, para a contaminación e para a poboación.

E o equilibrio é moi fráxil e calquera cousa que desbordemos provocará, cando menos unha crise a nivel mundial.

E coa poboación pasa o mesmo, en vez de seguir aumentandoa mundialmente, deberiamos mantela e ter recursos para todos, xa que temos partes do planeta que está moi contaminada, noutras partes pasan fame, por certo, que pasan fame porque Occidente, onde pertencemos, queremos que a pasen, porque o problema non se soluciona mandándolle arroz, senón que temos que ensinalos a cultivalo.

Véxase o verxel que construiu nun medio hostil Vicente Ferrer.

Pois con mais poboación contaminaremos mais e pasaremos mais fame, xa que seremos mais a comer e, contaminaremos mais xa que necesitaremos mais explotacións agrícolas e gandeiras e destruir os pulmóns das poucas selvas que nos quedan.

29.1.10

6 de decembro do 78

O pobo español vota no referendo da Constitución actual.
Hoxe teño mais de corenta anos e non votei nese referendo porque daquel non cumplira aínda os 18 anos. En realidade tiña uns cantos menos dos 18.
Saliamos dunha dictadura. Facía falta algo novo... unha constitución. E está moi ben... bueno, mellor estivo ben.
Pero agora, mais de trinta anos despois coido que é algo caduco, que a sociedade sempre vai por diante das leis e dos lexisladores, e aínda que xa se reformou algunhas veces, queda moito que reformar.
E , despois das reformas, non debería someterse a referendo outra vez? É mais... unha norma coma esta que non votei, e coma min a metade dos españois actuais, non debería someterse a referendo cada certo tempo?
Non manexo cifras de poboación, pero cae de caixón que dentro de dez anos, por exemplo, os que hoxe teñen oito anos poderán votar e ter outras ideas, quizá queiramos hoxe ou, dentro de dez anos, poño por caso, ratificar a vella ou facer unha nova constitución.
En todo caso, señores lexisladores, voto dende aquí por facer un referendo cada... 10?, 20 anos?
Os anos son discutibles, pero cando se fan reformas non pode considerarse aprobada polo soberano pobo.

22.1.10

Queremos Galego, queremos señor Feijoo

Non señor Feijoo, non. Non o votaron a vostede mais persoas.
Xa que manipulamos, manipulemos todos...
A vostede só o votaron nunha provincia... e a manifestación foi de toda Galicia.
Votar é moi fácil... só hai que meter un papel nun sobre e achegarse ao carón da túa residencia a meter o papel na furna...
Manifestarse é outra cousa... manifestarse é achegarse mais lonxe... e estar en folga é perder o día de traballo, non só eso...
Estar en folga é que che desconten o día de traballo e non só eso, senón que che saquen do resto do mes o que hai que pagarlle a Seguridade Social...
Claro que vostede igual non sabe o que é iso...
Igual vostede non calculou as posibilidades de gañar as eleccións... ou sí...
O caso é que non ten razón señor Feijoo... que vostede nin ninguén vai conseguir afogar a lingua como pretende... fíxese vostede que non o conseguiu unha dictadura durante máis de corenta anos...
Queremos galego señor Feijoo, claro que queremos galego, non o dubide...

17.1.10

Viva a grava

Viva a grava.
Non sei de quén sería a idea pero, abofé que acertou de pleno.
Velaí que esta tarde, xa que non vai sol pero tampouco chove e como hai boa temperatura, dáseme por ir dar unha volta, ou unhas cantas mais ben, á Illa dás esculturas.
Fai unha semana estaba cheo de charcos, mal moi mal; pero é que agora a algunha amente intelixente se lle deu por botar grava (ou area, vaia) onde antes había charcos. Agora simplemente patinamos coa bicicleta na mesma... antes polo menos pasabamos por onde ninguén atrevíase a cruzar, agora temos que facer forza, apertar ou cu e patinar para saír da sen dar cos osos non chan.
De ser aréa mais fina fariamos o "Dakar" en bicicleta... e tó sin saír de... Pontevedra.
Viva a grava... e mais o dono da idea...

13.1.10

Plans de urbanizacións

Estou por charmar ao Concello para que nos próximos plans urbanísticos se inclúan rúas de, alomenos, oito carrís, catro para cada sentido xa que nos fan falta un en cada sentido para aparcar; outro para a doble fila; e outro mais para cargas e descargas rápidas, é decir, deixar e recoller alumnos de centros por exemplo, e outro para circular sen impedimentos.
E digo esto porque nas dobles e terceiras filas teño visto xente lendo libros e mesmamente calcetando mentras se espera, supoño, por alumnado e por outros menesteres. Esto é visible tódolos días laborais en horarios a partir das seis ou das sete da tarde, por exemplo, só por exemplo, fronte ao conservatorio de música Manuel Quiroga de Pontevedra, por non falar das cinco e media da tarde na mesma avenida fronte ao Sagrado Corazón.
A Avenida Xoan Carlos I de Pontevedra, con dous carrís en cada sentido mais a zona de aparcadoiro e ás horas indicadas e pasamos con dificultade, e eso polo que, fago a petición ao Concello para que en vindeiros plans urbanísticos se inclúa alomenos un carril mais.

Cans e veciños

Dame que pensar que é o que leva á xente a ter cans nun piso. Molestan, cheiran e escarallan os mobles do mesmo, aínda que eso para mín é o de menos, xa que non me supón ningún gasto económico, aínda que os ruídos si que molestan.
Din algúns psicólogos que os cans son moi bos para os propietarios, pero non din nada dos veciños, os que sufrimos sobre todo os ruídos que fan do piso de abaixo ou do lado, pero sobre todo de enriba. Non din nada dos que temos fillos e os levamos ao parque onde eles levan o can a mexar, xa non digo da merda que algúns, só algúns recollen. Porque digan o que digan, levan a mexar os cans onde logo xogan os nenos e, que me diga o sicólogo qué lle digo eu ao meu fillo que non colla unha margariña porque os cans dos veciños mexaron nela.
Hai quen os leva abrazados para que non mollen os peciños... e a última moda: anoraqs, xerxeis, chuvasqueiros con capucha, etc., cando hai nenos pasando fame... Claro que os nenos que pasan fame non os ven e como di o refrán, ollos que non ven, corazón que non sinte.
Ah, e cando te cheiran aínda terémos que pedir disculpas, non sexa que os amos ou o resto da xente pense que levamos meses sen lavarnos...
Eu preguntaríalles aos psicólogos se aos veciños dos que teñen cans no piso nos beneficia en algo.

8.1.10

Idioma e parque móbil

Non sei que pasou coa enquisa que o noso querido Presidente da Xunta fixo ao pouco de gañar as eleccións.
Tampouco sei que é o que quere facer co galego. O que vexo é que algo que estaba mais ou menos arranxado empeza a desarranxarse. Ó mellor é que quere ter o pobo atarefado en discusións coma os romanos... pan e circo; mentras tanto el fai o que mellor lle veña, como o dos coches da xunta, hoxe outra vez en polémica porque non conseguiu vendelos e agora tenos no garaxe, todo por cambiar de marca, e di que así se axuda... en fin: en época de crise paréceme que o mellor que podía facer era quedarse co que tiña.
Agora temos polémica co galego e polémica co parque móbil da Xunta... gastamos en mercalos novos aínda que sexan propiedade de outros (din que os mercan a nome de... consorcios?) e gastamos nos vellos (seguros e avarías por estar parados) á vez que viaxamos nos novos. Desfacer e volver facer... coma sempre.
Mentras tanto seguimos en caída libre cara atrás...