25.11.12

Decretazo galegófobo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dálle a razón á sociedade galega e ás asociacións pola defensa do noso idioma, coma a plataforma Queremos Galego contra o decretazo do galego, buque insignia do Partido Popular de Galicia nas eleccións autonómicas do 2009 e declara ilegal a famosa enquisa aos pais, nais ou titores legais no ensino de educación infantil.
Este Tribunal admite que son contrarios a dereito dous dos artigos claves do decretazo imposto polo PP contra o criterio de todos os sindicatos, asociacións de pais e nais de Galicia e organizacións estudantís.
É ilegal o artigo 5.2 sobre a consulta en educación infantil e afirma que "a Administración non pode abdicar das súas responsabilidades" e que "a elección da lingua no ensino fica fóra da esfera de elección dos pais".
Tamén é ilegal o artigo 12.3 xa que permitirlle ao alumnado a utilización do castelán malia que o galego é a lingua na que se imparte a materia, contradí aquel mandato porque non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma ao permitirlle que non fale ou escriba na lingua galega sendo esta a propia da materia impartida.
Pode consultar a sentenza na ligazón: http://www.amesanl.org/gl/mediateca/dir/mediateca/Sentenza+Decretazo+contra+o+galego
Dende aquí súmome á solicitude da plataforma Queremos Galego pedíndolle á Xunta de Galicia para que retome o camiño do consenso para a normalización lingüística do idioma galego, e persoalmente pídolle que teña en conta que a maioría absoluta da que dispón na lexislatura actual só representa un vinte e sete por cento dos galegos con dereito a voto.

30.6.12

Sahara

O ano 1975  España, presionada polos intereses económicos e políticos de Estados Unidos de América e Francia cara Marrocos, abandoa á súa sorte ao pobo saharaui.
Arxelia déixalle unhas ducias de quilómetros cadrados para que se asenten tras a sinatura do plan de paz da ONU en 1991 lonxe dos seus asentamentos históricos e comprométese a que éste pobo decidira mediante un referendo se quere o dereito á autodeterminación.
Pasaron 37 anos dende que abanoamos este pobo e os políticos seguen mirando cara outro lado, polo que este ano os asistentes ao festival de cine que se celebra alí os últimos anos consensuaron o seguinte texto:
"Os invitados á novena edición do Festival Internacional de Cine do Sahara, despois de convivir unha semana con distintas familias do campo de refuxiados de Dajla, decidimos presentar este texto á sociedade civil. Sabemos que son centos os comunicados e manifestos redactados por esta causa ao longo dos anos. sabemos que son moitos os que cren que as palabras son cascas valeiras que leva o vento que que estes manifestos son un brinde ao sol destinados a non chegar a ningunga parte.
Sabemos que non son poucos os que cren que esta é unha causa perdida. Pero nós cremos distinto. Aprendemos dos saharauis que a dignidade non coñece prazos e que a loita pacífica deste pobo por voltar á súa terra non cesará ata que se lle devolva o que lles pertence por dereito.
Aprendemos das revoltas árabes que as palabras son chaves no motor da vontade e a vontade da xente unida pode tumbar réximes que parecían eternos.
Aprendemos que a vida dos pobos é máis longa que a dos disctadores que os oprimen. Por iso, se é necesario repetilo todo outra vez, repetirémolo outra vez, ou dúas, ou cen, ou mil ou as que sexan necesarias para prender na vontade da sociedade civil e mover esta montaña que sabemos que non é nin pode ser eterna.
Tras abandoar España a colonia que tiña no Sahara Occidental, este país sufriu a ocupación de Marrocos ante a lacerante pasividade de España. A ocupación trouxo con ela unha violenta represión debaixo da que se agochaba unha vontade de xenocidio. Elo conduciu a unha guerra entre o pobo saharaui e Marrocos. Guerra que se prolongou durante 16 anos e que se cerrou coa sinatura dun acordo entre as partes patrocidado por EE UU e as Nacións Unidas.
Nese acordo Marrocos comprometíase a celebar un  referendo no que os habitantes do Sáhara Occidental decidían sobre o seu futuro. Ese referendo non só non se chegou a celebrar, senón que os habitantes do Sahara ocupado sofren a diario a negación da súa identidade, a represión, o cárcere e innumerables torturas por loitar pola independencia do seu país.
O encarcelamento, as malleiras, as violacións e as desaparacións son, desgraciadamente, prácticas habituais. Por outro lado, os exiliados daquela ocupación levan 37 anos vivindo en campos de refuxiados en durísimas condicións.
Non nos diriximos aos gobernantes españois que, sexan da cor que sexan, apoiaron aos saharauis estando na oposición e abandoáronos ao chegar ao goberno. Nin tampouco aos responsables da MINURSO, a delegación da ONU para a celebración do referendo que mostraron unha pasividade criminal ante os constantes abusos aos dereitos humanos, nin tampouco ao goberno francés que se empeña en vetar unha e outra vez toda vía de presión a Marrocos, non xa para que cumpla cos seus compromisos, senón sequera para que abandoe a sistemática tortura e a represión deste pobo.
Dirixímonos sen embargo á sociedade civil española, francesa e internacional para que presionen aos seus gobernantes e institucións para resolver esta indignidade que se prolonga dende fai xa demasiado tempo.
Ten que celebrarse dunha vez por todas o referendo no Sahara Occidental. A ONU debe asumir a vixilancia no cumprimento dos dereitos humanos nos territorios ocupados antes de que o seguinte morto sea a mecha que obrigue aos saharauis a retomar un camiño, o da violencia, que nin eles mesmos desexan.
O Goberno español debe asumir as súas obrigas como estado descolonizador e situar a defensa dos dereitos humanos por enriba de calquera outro interese económico. Sabemos que nada moverán os gobernos se non son forzados polos seus cidadáns, e por iso é a éstes a quen nos diriximos, para que pedra a pedra, palabra a palabra, xesto a xesto, se sumen á nosa voz nesta demanda, nesta esixencia impostergable. Porque sabemos que a única loita que se perde é a loita que se abandoa."

Eu non miro para outro lado. E tí?

Mais información:  http://www.huffingtonpost.es/ana-nance/la-tata_b_1636865.html

10.6.12

Traficantes de dereitos


Eses marabillosos entes que nos prestan o diñeiro para mercar unha vivenda recibirán cen mil millóns de euros da Unión Europea para seren rescatados.
Considerando que a data 1 de xaneiro de 2011 España posúe unha poboación de 47.190.493 habitantes (datos do INE) e nos van prestar 100.000.000.000 de Euros (en número impresiona máis), resulta que tocamos a 2.119,07 Euros cada español, contando tamén os menores de idade, estou falando de poboación total.
Terei que devolver eu os meus dous mil cento dezanove euros e sete céntimos mais os intereses que a UE lle presta aos bancos, aqueles dos que ninguén se fía?
Prestaríanme a min se estivera no paro unha destas entidades un crédito de dous mil euros?
A resposta nos dous casos é que non.
Hoxe eses marabillosos entes teñen miles de vivendas nunha hiperinmobiliaria, préstanlles unha millonada de euros que pagaremos todos os españois, polo menos unha parte, pero eles non baixan o prezo desas vivendas que teñen na súa propiedade das que unha parte lles quitaron a quen non puido aboar a hipoteca e que hoxe están na rúa. Esperan a outra burbulla inmobiliaria para vendelas?
Esta pregunta prefiro non contestala... hai que deixar correr o tempo, tic, tac, tic, tac, ...
O dereito a unha vivenda digna ven recollido na Constitución Española en vigor... isto é señoras e señores banqueiros e señoras e señores políticos... isto é traficar con dereitos: son vostedes traficantes de dereitos.
E mentres tanto o noso querido Señor Presidente do Goberno diríxese a Polonia a que o rescate a Selección Española de Fútbol que xoga esta tarde, sen dar explicacións.
Non sería mellor rescatar aos cidadáns para que poideran pagar as súas hipotecas?
Non, que iso non produce...

2.6.12

Don Carlos Dívar

O Señor Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo di que gastou en viaxes de fin de semana mixtos, medio públicos e medio privados, unha miseria, uns trece mil euros.

Señor Presidente, esa miseria é o que gaño eu en sete ou oito meses. E, como din os que están no paro, eu son agora un deses privilexiados que seguen traballando pese á crise.

Señor Presidente, eu non teño nada, vivo ao día co soldo que gaño cada mes, non teño piso nin hipoteca, nin sequera vivo nun piso de aluguer eu so, senón entre aluguer e medio aluguer, como Vostede diría, porque comparto piso con outro privilexiado do momento e nin sequera teño sitio no refrixerador para meter os alimentos que imos consumir un fin de semana de cada dous que pasa o meu fillo comigo.

Se quere vostede gañar cartos coido que debe ir a unha empresa privada, que ninguén lle obriga a ser Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, polo que eu, humilde servidor lle pido que dimita, coido que servir ao cidadán non é sinónimo de enriquecemento económico.

Seguro que non lle falta traballo para gañar a vida doutra maneira, no ámbito privado e sen ter que dar explicacións.

A administración está para servir ao cidadán e non para o enriquecemento económico persoal dos que teñen coma min, a honra de traballar para eles, por iso eu traballo nese ámbito e non lle paso facturas os fins de semana, nin os públicos nin os privados.

27.4.12

Vente para Galiza


En España hai unha crise nunca vista, baixanlles o soldo aos funcionarios, os parados chegan a case seis millóns, quítaselles o aceso á sanidade aos inmigrantes, aos xubilados fáiselles pagar unha parte dos medicamentos e ao resto súbeselle o que teñen que pagar dun 40 a un 50 por centro, mesmo en Cataluña teñen que pagar un euro por receita...
E que ven que estamos en Galicia.
Aquí como xa levamos toda a vida recortando e moito mais os últimos tres anos, agora non temos que cumprir co Real Decreto-Lei publicado o pasado venres no BOE, ese dos recortes na sanidade e na educación. Xa non temos que incrementar o repago nas menciñas e non incrementamos o número de alumnos por aula.
Coido que perdín algo lendo no BOE, algunha transitoria ou algunha amnistía que esclúa o territorio galego do resto do Estado, mesmamente nos adheriron a Portugal ou nos fixeron independentes e esquenceuselles publicalo no BOE. Mira que se somos un país de verdade e medraron os membros da UE e ninguén se deu conta.
Mágoa que siga medrando o paro, e iso que o PP tiña a fórmula máxica que se gañaba as eleccións en Galicia en tres meses habería pleno emprego. Gañounas e imos peor.
Ao pleno emprego é fácil chegar, iso si, sen cobrar e sen cotizar. Con estas prestacións por desemprego Señores Feijoo e Rajoy, con estas prestacións dicía, todas as familias traballan sen cotizar. Quén non sabe colocar unha billa ou un enchufe, ou mesmo levantar un valado. Pois calquera. Así se chega ao pleno emprego. Agora enténdoo.
E aos que non lles gusta traballar sen cotizar, eses xa emigraron ou están en Londres practicando o inglés e servindo cafés, como dixo o conseller catalán.
Vente pa Galiza, que aquí non traballa o que non quere, pero tes que estar disposto ao que faga falta, agachar a cabeza e calar a boca.

31.3.12

A folga xeral e o goberno das mentiras...

O pasado 29 de marzo de 2012 fíxose en España unha folga xeral con moita participación.
Non entrarei na guerra das cifras que non leva a ningún sitio.
O goberno di que non se moverá de onde estaba, que segue a aplicar a reforma laboral, que se está tramitando no parlamento para que os grupos parlamentarios acheguen as súas melloras. Que melloras? Se o goberno ten a maioría absoluta e non deixa que ninguén lle axude. Está a rirse de nós!
Pois ainda que non queira, o goberno vai deixar que o axudemos, non os deputados dos outros grupos, non, os traballadores.
Sr. Rajoy, os traballadores estámoslle decindo que ten que voltar atrás e por moito que diga ou que faga... acabará voltando atrás.
Os traballadores non estamos dispostos a volver corenta anos atrás, sen dereitos, e menos cando vostede nos está decindo nos orzamentos presentados o 30 de marzo que os que defraudan a facenda e teñen diñeiro negro llo legaliza por un dez por cento! Vostede está a concederlle unha amnistía fiscal aos defraudadores, aos que gañan cartos fraudulentamente.
Sr. Rajoy, Eu pago máis dun catorce por cento na miña declaración da renda e eles levan anos librándose... lembre que no ano 2010 vostede dixo o contrario, que hai xornais da época, Sr. Presidente, hai hemerotecas, hai fonotecas, ou vai ser o goberno das mentiras como xa o está sendo?
Axeonllados non Sr. Presidente, conte con que lle estamos a parar os pés...

17.1.12

Crise

Estamos en crise. E non imos estar, os que gañamos pouco temos que arrimalo ombreiro para sacar isto adiante, coma sempre.
Os mandamais dos banqueiros marcharon cos cartos coma se foran futbolistas, con cláusula de rescisión, así que para botalos houbo que pagarlles.
E agora o ministro Cañete di que vai reanimar o ladrillo modificando a lei de costas, pois nada, que o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra... pero se é do PP pode tropezar moitas mais...
Un saudiño, e aguantar, que e o que toca sempre.