24.6.09

A Lagoa de Antela

A lagoa de Antela, entre os concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Rairiz de Veiga e Vilar de Barrio, mandouna desecar Franco para rematar coas enfermidades do lugar producidas “pola alta humidade existente” e para facer unha terra rica en cultivos: patacas.
Fai cincuenta anos que se desecou o mais grande lago de auga doce de España que tiña seis quilómetros de longo por sete de ancho: corenta e dous quilómetros cadrados de auga.
Os romanos xa intentaran secala antes e despois fracasaron mais intentos por convertela en terra de cultivo.
A día de hoxe a UE inviste millóns de euros na protección das zonas húmidas que son clave para preservar o medio ambiente e mesmamente o clima.
Mediado o século XX por fin lograron secala e converteuse nunha grande extensión para o cultivo de patacas. Agora invístense 18 millóns de euros (2006) en plans de regadío.
A natureza volveuse implacable cos que a maltrataron, un lugar (42 quilómetros cadrados) que agora está totalmente seco e necesita millóns de euros para que os cultivos previstos se poidan producir.
Coa seca cambiouse o ecosistema e agora non é o mesmo clima e a terra é pobre e non produce por si mesma.
Ademais de faltar a auga na primavera e no verán, moitos anos no outono e no inverno hai frecuentes inundacións. As patacas que alí se producen son moito mais caras que en calquera outro sitio ademais de dubidosa calidade.
A paisaxe non pode ser peor... centos de quilómetros de pistas agrícolas feitas con tiraliñas e nalgún treito unha fileira de árbores (chopos e, cando non, eucaliptos...).
Hai moita emigración na zona entre a xente nova. Algúns da zona de Rairiz de Veiga, na que non se fixo concentración parcelaria, apostan pola agricultura biolóxica coma futuro.
Actualmente a explotación areeira fai que moitas parcelas sexan escavadas e empecen a recuperar unha vez sacada a area, a auga que dende entón se bota de menos. Apenas significa un pequeno tanto por cento do que existiu fai sesenta anos. A Xunta de Galicia obriga a, unha vez rematada a explotación da parcela, non deixar barreiras que sexan unha trampa para os animais que puideran caer e afogar por non poder saíren. Os bordes deben ser en baixada e nunca en vertical.
Algunhas cegoñas xa volveron... esperemos que vaian a mais, as cegoñas e a lagoa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario