Lémbrote...
Levo un mes lembrándote... pensando...
Sei que xamais nada será igual.
Penso no aire, penso na auga, penso na terra, penso no lume...
Algunha vez penso nas nubes, na luz, na choiva, na néboa, na sombra, no vento, na escuridade, na neve, no xeo...
Outras veces penso en liñas rectas, en curvas, en espirais, en círculos, en ángulos, en paralelas, en transversais, en secantes, en tanxentes...
Tamén penso ás veces no sol, na lúa, nas estrelas, na vía láctea, nos planetas, na galaxia...
Penso nas plantas, nos castiñeiros, nos carballos, nas xestas, nos toxos, nos carpazos, nas estrugas...
Quizá pense nas cores: no laranxa, no azul, no vermello, no violeta, no amarelo, no gris, no branco e tamén... no negro.
Sei que, pense o que pense non te esquecerei. Son parte de tí: un 50% natural, un 48% do teu cariño e o outro 3%, o outro 3%... do azar. Non desexo mais.
Desexo pensar.
Desexo lembrarte.
Sei que sempre formarás parte da miña vida e sei que, polo menos ata o día que eu morra seguirás sendo parte de mín.
Quizais o meu fillo sexa un 25% de ti. Non sei moito de nada e menos de matemáticas, pero con que o meu fillo só sexa un 2% de ti será suficiente...
Sei que estes 45 anos que compartín contigo non foron de balde, aínda que eu me portara mal nalgún momento sei que me perdoaches sempre, e eu a ti tamén.
Espero que algún día pense de min o que eu penso de ti.
Por ti serei mellor persoa día a día.
Desexo pensar nas flores, nos paxaros, na liberdade, no amor, nos lóstregos, nas ondas, no vento, no arco da vella, no cariño, na paixón, nos sorrisos, nas risas, nas bágoas, nos bicos, nas apertas, nas bolboretas...
Sei que ti es todo o que me rodea, todo o bo que me rodea, ti déchesmo todo e por iso te lembro e por iso te quero como te quero.
Quédame moito que pensar... so levo un mes sen ti, pero sempre estarás no meu pensamento, no meu bo pensamento.
Deica... sempre, Luísa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario