2.6.12

Don Carlos Dívar

O Señor Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo di que gastou en viaxes de fin de semana mixtos, medio públicos e medio privados, unha miseria, uns trece mil euros.

Señor Presidente, esa miseria é o que gaño eu en sete ou oito meses. E, como din os que están no paro, eu son agora un deses privilexiados que seguen traballando pese á crise.

Señor Presidente, eu non teño nada, vivo ao día co soldo que gaño cada mes, non teño piso nin hipoteca, nin sequera vivo nun piso de aluguer eu so, senón entre aluguer e medio aluguer, como Vostede diría, porque comparto piso con outro privilexiado do momento e nin sequera teño sitio no refrixerador para meter os alimentos que imos consumir un fin de semana de cada dous que pasa o meu fillo comigo.

Se quere vostede gañar cartos coido que debe ir a unha empresa privada, que ninguén lle obriga a ser Presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, polo que eu, humilde servidor lle pido que dimita, coido que servir ao cidadán non é sinónimo de enriquecemento económico.

Seguro que non lle falta traballo para gañar a vida doutra maneira, no ámbito privado e sen ter que dar explicacións.

A administración está para servir ao cidadán e non para o enriquecemento económico persoal dos que teñen coma min, a honra de traballar para eles, por iso eu traballo nese ámbito e non lle paso facturas os fins de semana, nin os públicos nin os privados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario